1. Presentación

O presente estudo enmárcase dentro da Estratexia de Promoción da Economía Social no Eido da Pesca Industrial, promovida por FUNDAMAR e céntrase en detectar e propoñer liñas de acción que procuren o desenvolvemento da Economía Social neste eido, así como axudar á súa difusión.

O sector da Pesca Industrial está a sufrir cambios importantes nos últimos anos que o converten nun sector receptivo ao estudo e análise pormenorizado de eidos nos que se poidan desenvolver novas ou complementarias iniciativas empresariais, en moitos casos ligadas ás novas esixencias lexislativas a nivel europeo.

Pola súa parte, a Economía Social en auxe nos últimos anos, tamén vén mostrándose como un formato de éxito que permite desenvolver iniciativas en múltiples sectores da actividade económica. Este proxecto, na súa globalidade, ten por finalidade o achegamento á realidade da Economía Social no sector da Pesca Industrial por medio da realización dun estudo pormenorizado que permitan coñecer o seu estado presente a súa visión de futuro. Para a realización do presente estudo optouse por unha metodoloxía participativa que permitise captar as ideas, inquedanzas e necesidades do propio sector, partindo dunha análise e diagnose participada, para posteriormente propor dentro dos retos ou desafíos que se poidan identificar, iniciativas que poidan supoñer a base da Estratexia para a Promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial.

Este documento sintetiza e expón dun xeito sistemático e ordenado, a realidade e necesidades do sector, así como as posibles liñas de actuación que axudarán á promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial.

2. Obxectivos

2.1. Obxectivo Xeral

O obxectivo xeral do estudo é o de profundar no coñecemento do sector da Pesca Industrial e da súa evolución, coa finalidade de detectar e propoñer os principais eixos e as liñas concretas de actuación que esbocen unha estratexia a seguir para a promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial.

2.2. Obxectivos específicos

  • Profundar no coñecemento da Pesca Industrial e da Economía Social.
  • Facer partícipe ao sector mediante un proceso participativo dos resultados do estudo.
  • Identificar espazos nos que se poidan desenvolver prácticas de Economía Social no eido da Pesca Industrial.
  • Establecer os principais eixos, liñas e medidas de actuación sobre as que se sustente a Estratexia para a Promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial.

3. Metodoloxia

O estudo realizado sustentouse principalmente nun proceso dirixido a abrir o diálogo ao conxunto dos actores relevantes no eido da Pesca Industrial, e tamén de Economía Social, que permitiu construír un consenso sobre as medidas identificadas.

A continuación pasamos a describir en profundidade as ferramentas e espazos de participación utilizados na elaboración do presente proxecto.

3.1. Análise de fontes documentais

Coa finalidade de realizar unha primeira diagnose do sector, así como poder introducir informacións de interese tanto nas entrevistas en profundidade como nas mesas de traballo, foi realizada unha análise de fontes documentais de referencia sobre a temática do estudo. Ditas fontes poden ser consultadas no apartado de Anexos.

3.2. Entrevistas en profundidade

As entrevistas en profundidade a axentes clave do sector da pesca e da Economía Social en Galicia realizáronse coa finalidade de obter información relevante e profundar na diagnose do mesmo.

En primeiro lugar, elaborouse o guión da entrevistade carácter semiestruturado, composto de preguntas e temáticas a abordar, seguindo uns criterios que responderan á finalidade da investigación e engadindo un apartado de observacións finais co fin de recoller aspectos non obtidos ao longo da entrevista. O guión da entrevista pódese consultar no apartado Anexos.

As persoas identificadas como informantes clave para o proxecto, foron seleccionadas atendendo a criterios de proximidade co sector pesqueiro, o emprendemento e a Economía Social.

As entrevistas materializáronse mediante un guión común a todas as persoas participantes, flexibilizando o mesmo en función dos coñecementos e experiencias de cada un dos perfís seleccionados.

Coa finalidade de poder obter unha ampla visión do estado e retos de futuro para a promoción da Economía Social na Pesca Industrial, foron seleccionados perfís complementarios que pasamos a describir:

  • Administracións Públicas.
  • Universidade.
  • Centros Tecnolóxicos.
  • Entidades de Economía Social vinculadas á Pesca Industrial.
  • Grupos de Acción Local no Sector Pesqueiro (GALP).
  • Tecido empresarial e asociativo no eido da Pesca Industrial.

3.3. Mesas de Traballo

A información recollida a través da análise das fontes documentais e as entrevistas en profundidade foi integrada como contido a tratar nas mesas de traballo. A finalidade destas mesas foi a de validar esas primeiras análises feitas do estado da Economía Social no eido da Pesca Industrial, profundando no seu contido, e tamén a de suscitar a xeración de novas propostas.

Na celebración de cada unha das mesas seguiuse un guión de temas a tratar, sendo este proceso pilotado en todo momento por expertos no uso desta técnica e do obxecto do estudo que actuaron como moderadores. As dinámicas participativas postas en marcha en cada unha das mesas de traballo poden ser consultadas no apartado Anexos.

Realizáronse dúas quendas, unha primeira composta por dúas mesas de traballo cuxa finalidade era profundar no coñecemento traballando en equipo, sobre os principais contidos extraídos das fontes secundarias e, principalmente, das entrevistas en profundidade. A segunda quenda consistiu nunha última mesa na que consensuaron os eixos e liñas de actuación.

Mesa de Traballo de Diagnose

Foron realizadas dúas sesións nas que participaron diferentes perfís. A metodoloxía empregada favoreceu a participación, e facilitou a recollida dunha ampla visión da realidade da Pesca Industrial en relación coa Economía Social. Como resultado do traballo nestes espazos, unido ao recollido nas entrevistas en profundidade, obtense unha análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades), que pode ser consultado no apartado Resultados do presente informe.

Mesa de Traballo de Propostas

Foi realizada unha única sesión onde foron volcados os aspectos máis relevantes das Mesas de Traballo de Diagnose. A metodoloxía empregada favoreceu a participación e facilitou a recollida de propostas en forma de Eixos Estratéxicos, Liñas de actuación e Medidas, que conforman o corpus da estratexia que se presenta neste informe.

3.4. Expertos que participaron no proceso

Na táboa adxunta detállanse as entidades que colaboraron nas distintas fases do proxecto. Dita colaboración foi realizada de xeito totalmente desinteresado e poñendo a disposición do estudo a súa experiencia, vivencias e saber facer.

 
 

ENTIDADE

  • ARVI (Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo)
  • ARVI-INNOVAPESCA.
  • Consellería de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Xunta de Galicia
  • Consellería do Mar. Xunta de Galicia
  • CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar)
  • Universidade de Vigo
  • ANFACO- CECOPESCA
  • Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo-A Guarda
  • Rede Eusumo
  • Unión de Cooperativas de Galicia Espazocoop
  • Federación Galega de Confrarias
  • Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto de Vigo, (OPPF-4)
  • Grupo Nueva Pescanova
  • Ardora S. Coop. Galega
  • Fishing Accelerator- Kaleido
  • Marine Instruments S.A
  • Fundación Juan XXIII
  • FUNDAMAR
  • REDMAR

4. Contexto

A Unión Europea, a través do Artigo 3 do seu Regulamento (UE) nº 508/2014, define os límites entre a pesca artesanal e industrial, principalmente a través da eslora dos barcos e en relación ao uso de determinadas artes de pesca. Polo tanto, toda a pesca levada a cabo por barcos de eslora maior de 12 metros ou con artes non contempladas como artesanais pola UE, entrarían dentro da denominación de Pesca Industrial1.

No caso de España, existe unha grande variedade de flotas, con diferentes artes de pesca e tipoloxías de barcos. Moitas destas flotas son consideradas industriais, aínda que o seu labor a bordo é maioritariamente manual e a venda das súas capturas é en fresco nas lonxas.

Cando se pensa en Pesca Industrial, xeralmente pensamos en grandes barcos. En Galicia, a Pesca Industrial ou semi-industrial está protagonizada por empresas na súa maioría familiares, que destinan case totalidade das capturas ao consumo humano, polo que moitos dos problemas da pesca artesanal son tamén comúns ao resto da flota galega denominada como Pesca Industrial.

O presente estudo abrangue a actividade económica de barcos cunha eslora maior a 12 metros, así como a cadea de transformación da súa materia prima unha vez chegada a terra, non incluíndo a súa comercialización.

 
 

4.1. A Economía Social: definición e principios

A configuración actual da Economía Social en España vén determinada pola aprobación da Lei 5/2011, do 29 de marzo, da Economía Social, que supón un gran cambio para a visibilidade e desenvolvemento do sector.

En Galicia é a Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social de Galicia, a que marca o inicio dunha nova etapa na que a administración galega fai unha aposta por este modelo. A propia Lei define a Economía Social do seguinte xeito: "A Economía Social engloba un conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo entidades que perseguen, ben o interese colectivo das persoas que o integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos os dous, mostrándose día a día como un actor fundamental no desenvolvemento da sociedade actual".

Os principios orientadores da Economía Social son os que recolle a Lei 6/2016, e que pasamos describir:

As entidades de Economía Social, inspiradas polos valores de axuda mutua, responsabilidade, democracia, igualdade, equidade, solidariedade, honestidade, transparencia, autonomía, autoxestión, responsabilidade social e preocupación polas demais persoas, están informadas polos seguintes principios orientadores:

  1. A primacía das persoas e do fin social sobre o capital, que se concreta nunha xestión autónoma e transparente, democrática e participativa, que leva a priorizar a toma de decisións máis en función das persoas e as súas achegas de traballo e servizos prestados á entidade, ou en función do fin social, ca en relación coas súas achegas ao capital social.
  2. A aplicación dos resultados obtidos da actividade económica, principalmente en función do traballo achegado e do servizo ou da actividade realizados polas socias e os socios ou polas persoas integrantes, se for o caso, ao fin social obxecto da entidade, ao servizo da consecución de obxectivos como o desenvolvemento sustentable, o interese dos servizos aos membros e o interese xeral.
  3. A promoción da solidariedade interna e coa sociedade que favoreza o compromiso co desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, a cooperación, a inserción de persoas con discapacidade e de persoas en risco ou en situación de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e mais a sustentabilidade.
  4. A independencia respecto dos poderes públicos.
  5. O compromiso co territorio, fronte ao despoboamento e o envellecemento no medio rural galego, inxectando estabilidade e futuro.
  6. O fortalecemento da democracia institucional e económica.

As entidades de Economía Social, son as que recolle a Lei 6/2016 da Economía Social de Galicia:

  1. Sociedades Cooperativas Galegas.
  2. Mutualidades.
  3. Fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica.
  4. Sociedades Laborais.
  5. Empresas de Inserción.
  6. Centros Especiais de Emprego.
  7. Confrarías de Pescadores.
  8. Sociedades Agrarias de Transformación.
  9. Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común.
  10. Entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos valores e principios orientadores establecidos nesta lei, sempre e cando desenvolvan unha actividade económica e empresarial.

4.2. A Economía Social en cifras

As entidades de economía social en España2:

  • Contribúen ao 10% do PIB, e xeran o 12.5% do emprego.
  • Teñen unha vinculación directa e indirecta co 42.8% da poboación.
  • Xeran emprego estable e de calidade, xa que o 80% dos seus contratos son indefinidos, e mostran unha aposta polas persoas cunha taxa de destrución do emprego do 6,5% menor que o resto das empresas.
  • A economía social conta con empresas de todos os tamaños e en todos os sectores económicos.
  • Nos últimos 8 anos foron creadas 29.000 novas empresas de Economía Social en España, xerando 190.000 novos postos de traballo.
  • Contribúen activamente ao emprego xuvenil, xa que o 47% dos empregos son de menores de 40 anos, e á integración de persoas en

Galicia conta na actualidade con máis de 7.000 entidades de economía social, integradas por 320.000 persoas (Datos recollidos de EspazoCoop, Unión de Cooperativas Galega)

Cabe facer una pequena análise da evolución das entidades de Economía Social en Galicia durante os últimos anos, para poder tirar algunhas conclusións sobre o seu futuro.

Respecto á creación de iniciativas empresariais no eido da Economía Social en Galicia nos últimos anos, axúntase un gráfico que resume a evolución das entidades máis representativas.


Gráfico de elaboración propia. Datos recollidos do Consello Galego de Cooperativas de Galicia. (Os datos do ano 2018 non inclúen o mes de decembro).

Cooperativas

No gráfico pódese observar como no ano 2017 houbo un descenso respecto ao ano anterior das cooperativas creadas. Sen embargo, os niveis de creación de cooperativas no presente ano 2018 é o máis alto dos últimos tres. A mediados do ano 2018 xa foran creadas tantas cooperativas como no ano 2017, sendo a metade delas microcooperativas de soamente dúas persoas socias. Este repunte de actividade ten a súa explicación nos cambios acontecidos na Lei de Cooperativas de Galicia, que permiten a creación de cooperativas con soamente dúas persoas. No caso das chamadas "Cooperativas do Mar", non se rexistran novos nacementos nos últimos anos.

A finais do ano 2018, son 1350 o total das cooperativas as que están en funcionamento en Galicia, e a súa distribución por provincias é a que pasamos a describir no seguinte gráfico.


Gráfico de elaboración propia. Datos recollidos do Consello Galego de Cooperativas de Galicia.

Sociedades Laborais

Respecto ás Sociedades Laborais, durante os anos 2016 e 2017 os datos revelan un estancamento na súa creación, incrementándose de forma importante (case un 40%) no presente ano 2018. Outro dato de interese é coñecer o volume de desaparición destas Sociedades, que no ano 2016 reflectiu un saldo negativo (máis sociedades que cesaron actividade dás que a comezaron), non existen datos actualizados respecto dos anos 2017 e 2018, á espera dos informes anuais de “Estatísticas en materia de Economía Social” elaborados pola Xunta de Galicia.

Respecto ás Sociedades Laborais, a finais do ano 2018, están en funcionamento en Galicia un total de 1563, sendo a súa distribución por provincias a que pasamos a describir no seguinte gráfico.


Gráfico de elaboración propia. Datos recollidos do Consello Galego de Cooperativas de Galicia.

Centros Especiais de Emprego

Respecto á creación de Centros Especiais de Emprego, obsérvase un estancamento na súa creación durante os anos 2016 e 2017, así como un pequeno descenso no presente ano 2018 (lembramos que os datos do ano 2018 inclúen os datos rexistrados dende xaneiro a novembro inclusive).

A finais do ano 2018, existen en funcionamento en Galicia un total de 96 Centros.


Gráfico de elaboración propia. Datos recollidos do Consello Galego de Cooperativas de Galicia.

Empresas de Inserción Laboral

As Empresas de Inserción Laboral en Galicia contan cunha pequena representación que vai medrando pouco a pouco. A finais do ano 2018 o rexistro conta con 10 Empresas de Inserción Laboral en funcionamento, as dúas máis recentes, creadas no ano 2017.

Por outra banda, no ano 2018, as cinco maiores asociacións de Economía Social de Galicia, a Unión de Cooperativas de Galicia-EspazoCoop, a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), veñen de crear o Foro pola Economía Social Galega. Este espazo representa a 371 entidades de Economía Social dando emprego directo a 9276 persoas. A súa finalidade é dar visibilidade á Economía Social cara a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses perante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos.

Comunidades e Mancomunidades de Montes en Man Común

Respecto ás Comunidades e Mancomunidades de Montes en Man Común, outra das figuras de economía social con ampla tradición, Galicia conta con máis de 2800 comunidades de montes que xestionan máis de 700.000 hectáreas, o que representa a cuarta parte do territorio galego. (Datos obtidos da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia). As Comunidades de Montes ocúpanse da administración e uso sostible dos montes mantendo a súa biodiversidade e aproveitando todos os seus recursos obtendo deste xeito beneficio ambiental, económico, social e cultural.

Sociedades Agrarias de Transformación

As Sociedades Agrarias de Transformación teñen finalidade económico-social, en orde á produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros ou forestais, realización de melloras no medio rural, promoción e desenvolvemento agrario e prestación de servizos comúns. Galicia iniciou o seu propio rexistro no ano 1982, e na actualidade conta con 1433 Sociedades Agrarias de Transformación inscritas, se ben non todas están funcionando xa que as baixas non son comunicadas á Xunta de Galicia, e non temos unha estima do número que está en funcionamento actualmente. (Datos facilitados pola Consellería de Medio Rural).

Mutualidades

As Mutualidades son entidades sen ánimo de lucro constituídas baixo os principios da economía social (solidariedade e axuda mutua) nas que as persoas se unen voluntariamente para ter acceso a uns servizos. As mutualidades de previsión social teñen como obxectivo complementar as prestacións da Seguridade Social pública. En Galicia contamos na actualidade con 3 Mutualidades de Previsión Social. (Dato recollido do Rexistro de Mutualidades da Consellería de Facenda).

Asociacións

Respecto ás Asociacións existentes en Galicia, a 31 de decembro de 2018 contabamos con máis de 36.000 (36.163) entidades inscritas no rexistro. Non foi posible obter o número de asociacións que actualmente teñen actividade económica, se ben podemos sacar en conclusión destas cifras que Galicia conta cun gran tecido asociativo.

Fundacións

Respecto ás Fundacións, outra das figuras que forman parte do eido da Economía Social, Galicia contaba con 449 fundacións activas ao final do ano 2014 que xeneraban un total de 9.297 empregos. (El Sector Fundacional en España. Octubre 2016. Asociación Española de Fundaciones).

Así mesmo é de importancia resaltar o feito de que no ano 2018 nace a “Estratexia Española de Economía Social 2017-2020”, unha clara aposta pola Economía Social a nivel estatal, que irá acompañada polo nacemento no ano 2019 da “Estratexia Galega de Economía Social”, que sen dúbida marcará unha nova etapa para a Economía Social en Galicia.

Toda esta información lévamos a pensar que estamos nun bo momento a nivel Galego para a posta en marcha de iniciativas de Economía Social de xeito xeral, sen esquecer que no eido da Pesca Industrial poden existir oportunidades de emprendemento social que poderán aproveitar a boa tendencia que está a levar a Economía Social no noso territorio.

4.3. A Economía Social no sector pesqueiro

Se nos asomamos á realidade do mundo do mar, pódese percibir que os valores da Economía Social están presentes dende os seus cernes. A primacía das persoas, a solidariedade, así como o compromiso co territorio, son principios asumidos dende sempre pola xente do mar.

Un dos exemplos máis salientables de fórmula de Economía Social vinculada ao mar, foron os Pósitos de Pescadores nacidos nas primeiras décadas do século XX, e que representan a base das actuais sociedades cooperativas no mar. Os pósitos, a pesar de non considerarse como un modelo cooperativo, si que posuían fórmulas de funcionamento que nos recordan a elas: toma de decisións democrática, e aportacións e distribucións equitativas. O modelo de xestión cooperativa dos pósitos estruturábase en varias seccións que abarcaban a explotación dos recursos pesqueiros, a súa comercialización e mesmo a prestación de servizos financeiros e ata asistenciais.

No ano 1935, os pósitos galegos representaban un terzo do total dos rexistrados no Estado. Tras a Guerra Civil, que supuxo un gran freo de actividade, comezan a crearse cooperativas no ámbito do mar. 234 Cooperativas do Mar naceron entre os anos 1945 e o 2005, se ben entre as décadas dos 60 e os 80 mostran un pico de actividade coa creación de máis da metade destas cooperativas.

Sen embargo, as figuras máis coñecidas no eido da economía social vinculada ao ámbito do mar son sen dúbida as Confrarías de Pescadores. Son entidades de carácter económico e social cunha profunda tradición histórica en Galicia, que teñen a súa orixe no século XIII cando aparece a “Irmandade das Vilas e Marismas dos Reinos de Galicia e Asturias”.

Dende entón foron evolucionando e adaptándose ás novas necesidades económicas e laborais, formando asociacións laborais e de asistencia mutua como o Gremio dos Mareantes”. O Gremio dos Mareantes tiña como finalidade fomentar a pesca, defender os seus intereses e socorrer aos agremiados con falta de recursos ou de avanzada idade, así como ás familias das persoas falecidas no mar. Finalmente estas entidades foron transformándose nos pósitos de pescadores e logo conformando as Confrarías de Pescadores, tal e como as coñecemos.

Na actualidade existen en Galicia 63 confrarías agrupadas en tres Federacións Provinciais, á súa vez integradas na Federación Galega de Confrarías de Pescadores. 12.734 persoas son as afiliadas ás confrarías de pescadores, das cales 4.312 son empresas e 8.422 traballadores/as. (Datos obtidos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores).

A principal función das confrarías de pescadores é a de actuar como órgano de consulta e colaboración coa Administración nos temas relacionados coa actividade extractiva pesqueira e a súa comercialización.


Na actualidade é escasa a presenza das fórmulas empresariais de carácter social no ámbito do sector pesqueiro. Aínda así, as Comunidades de Bens, sen formar parte da chamada Economía Social pero recollendo toda a esencia do que se pode denominar economía familiar, si tiveron e están a ter gran acollida no sector, sobre todo na parte extractiva da cadea.

Respecto á presenza de cooperativismo no sector do mar, ao final do ano 2018, estaban rexistradas, no Rexistro Galego de Cooperativas, un total de 21 “Cooperativas do Mar”. Estas cooperativas, na súa maioría, traballan no eido da pesca artesanal, marisqueo e acuicultura.

 

COOPERATIVAS DO MAR

  • MAREANTES ARTABROS SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA
  • A PERCEBERÍA, S. COOP. GALEGA
  • S. COOP. GALEGA MARES DA TOXA
  • MAR DO MORRAZO, S. COOP. GALEGA
  • MERGULLADORES DE LONGUEIRON, S. COOP. GALEGA
  • CIES ARTESANAIS S. COOP. GALEGA
  • ARTESANOS DO MAR S. COOP. GALEGA
  • OSTREA SANXENXO S. COOP. GALEGA
  • SAMERTOLOMEU S. COOP. GALEGA
  • COOP. DE ARMADORES DE PESCA DEL PUERTO DE VIGO, S. COOP. GALEGA
  • EGROME, S. COOP. GALEGA
  • COOCULMAR, SOCIEDAD COOPERATIVA GALLEGA
  • SOCIEDAD COOPERATIVA GALLEGA RIA DE AROSA
  • AMEGROVE S. COOP. GALEGA
  • MEXILLONEIRA DE BUEU S. COOP. GALEGA
  • SOCIEDAD COOPERATIVA GALLEGA DEL MAR SANTA EUGENIA LIMITADA
  • S. COOP. GALEGA MEXILLONEIROS DE GALICIA
  • S. COOP. GALLEGA DEL MAR SAN MIGUEL DE MARIN
 

A única cooperativa que se pode vincular de forma directa ao eido da Pesca Industrial é ARVI (Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo), creada no ano 1964. Outras unións de armadores existentes en Galicia, como a Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Marín ou Armadores de Burela S.A., teñen optado por outras figuras diferentes ás cooperativas.

A nivel galego existe a Unión de Cooperativas do Mar- UGACOMAR, actualmente con pouca actividade, e que agrupa a algunhas das cooperativas do mar.

Así mesmo, a nivel nacional, atópase tamén a Unión Nacional de Cooperativas del Mar- UNACOMAR, que constituída no ano 1940, agrupa a Cooperativas de Armadores de Buques de Pesca, Cooperativas de Traballo Asociado, Cooperativas de Mariscadores, Cooperativas de Pertrechos, Cooperativas de Servizos e Cooperativas de Acuicultura.

Respecto ás Sociedades Laborais galegas, pódense atopar a pequenas empresas vinculadas ao sector do mar a través de reparación de buques e algúns outros servizos auxiliares. Este tipo de sociedades non teñen gran representación no eido da Pesca Industrial.

Pódese concluír que a representación da Economía Social no eido da Pesca Industrial na actualidade é moi reducida. Se ben moitas das súas prácticas cotiás no eido da Pesca Industrial poderían ser recoñecidas a través dos valores e principios da Economía Social, á hora de seleccionar algunha das figuras empresariais existentes para novos proxectos, rara vez é escollida unha no eido social. Esta falta de visibilidade da Economía Social no eido da Pesca Industrial, identificada tamén nos espazos de participación creados no presente proxecto, vese reflectida nas liñas de acción propostas encamiñadas a dar a coñecer todo ese abanico de oportunidades existente no eido social.

5. Resultados

5.1. DAFO: Diagnóstico da Economía Social no eido da Pesca Industrial

Durante o estudo realizado tanto nas entrevistas en profundidade como nas Mesas de Traballo, foron recollidas as valoracións ao respecto do estado da economía social no eido da pesca industrial que agora presentamos en forma de Análise DAFO. A análise DAFO permítenos identificar as características internas (Debilidades e Fortalezas) e as características externas (Ameazas e Oportunidades) da economía social no eido da pesca industrial.

Debilidades

  • Descoñecemento por parte do sector da Pesca Industrial respecto á Economía Social e da súa cultura.
  • Falta de recoñecemento das entidades de Economía Social do eido da Pesca Industrial como iniciativas de Economía Social.
  • Falta de percepción por parte das cooperativas de armadores, e a Pesca Industrial en xeral, como activas nas actividades que reforzan o sentido de pertenza á Economía Social.
  • Ausencia de cooperativas de nova creación no sector do mar. Baixa actividade da Unión de Cooperativas do Mar (UGACOMAR) .
  • Falta de relevo xeracional nas tripulación a bordo dos barcos.
  • Falta de centros especiais de emprego relacionados co mundo do mar.
  • Falta de ferramentas que favorezan a contratación de empresas de Economía Social no eido da Pesca Industrial. (Por exemplo á hora de contratar servizos).
  • Falta de relación institucional entre os actores principais da Pesca Industrial e a Subdirección de Economía Social da Xunta de Galicia.
  • Dificultades para poder utilizar fórmulas de Economía Social dentro da parte extractiva da pesca industrial.
  • Necesidade de mellora das condicións de traballo a bordo dos barcos e dos espazos de habitabilidade.
  • Sector tradicional con resistencia aos cambios.
  • Ámbito de mellora na xestión organizativa dos recursos humanos a bordo dos barcos, atendendo as relación de interculturalidade e multinacionalidade. Dificultades para integrar ás mulleres na pesca extractiva, e baixa visibilidade da muller na cadea de produción da pesca industrial.
  • Necesidade de comunicación fluída entre os diferentes sectores da pesca.

Ameazas

  • Alta dependencia das decisións políticas e administrativas da Unión Europea (reparto de cotas, control dos riscos sanitarios, etc.).
  • Necesidade de apoio económico para a renovación da frota pesqueira.
  • Descoñecemento e escasa valoración do traballo no mar pola sociedade.
  • Descoñecemento das boas prácticas no ámbito da RSE desenvolvidas dende o eido da Pesca Industrial por parte da sociedade.
  • Falta de prescriptores de Economía Social no emprendemento, principalmente os vinculados ao eido da pesca industrial.
  • Déficit na integración da materia de Economía Social nos estudos universitarios e de formación profesional.
  • Falta de Mestrados de Economía Social e Cooperativismo en Galicia relacionados co sector pesqueiro.
  • Necesidade de maior número de investigacións aplicadas ás novas necesidades do mundo do mar dende as Universidades.
  • Descoñecemento dos produtos do mar e os seus beneficios por parte dos/as consumidores/as así como no ámbito escolar. Descenso do consumo de peixe.

Fortalezas

  • Valoración da Pesca Industrial como unha actividade económica ben vertebrada a través de asociacións, cooperativas e outras entidades que se unen ante problemas comúns.
  • O “know how” ou “saber facer” do sector. Existe un amplo coñecemento e experiencia na explotación dos recursos, existen grandes empresas de procesado, conxelado e conserva.
  • Estabilidade laboral na parte extractiva da Pesca Industrial, sendo gran parte dos contratos de longa duración, a pesar da dureza do traballo.
  • Boa valoración do traballo solidario, dentro da Responsabilidade Social Corporativa, que a Pesca Industrial realiza nos países onde fai as capturas.
  • Imaxe das fórmulas de emprendemento en Economía Social como moi estables no tempo.
  • A Pesca Industrial supón o 50% da pesca mundial. Necesidade de manter a Pesca Industrial para manter o subministro mundial de peixe.
  • Boa calidade do produto extraído a través da Pesca Industrial. Existencia de campañas de promoción para a posta en valor da proteína e beneficios do peixe.

Oportunidades

  • Alta dependencia da poboación galega, directa ou indirectamente, do sector pesqueiro.
  • A potencial necesidade de relevo xeracional nas empresas localizadas no eido da Pesca Industrial pode abrir posibilidades de cambio a fórmulas empresariais dentro da Economía Social.
  • Compromiso das administracións coa Economía Social.
  • Estratexia Española de Economía Social (aprobada o pasado decembro 2017), abre oportunidades no ámbito da Pesca Industrial. Nun futuro próximo aprobación da Estratexia Galega de Economía Social.
  • Desenvolvemento de potenciais sinerxias no ámbito da Pesca Industrial a través do Foro Galego pola Economía Social, de recente creación. Potencialidade na xeración de sinerxías entre entidades de Economía Social pertencentes á Pesca Industrial.
  • Altos niveis de creación de cooperativas nos últimos anos, non vinculadas ao mar. Estas cooperativas poden servir de exemplo para o emprendemento no ámbito do mar.
  • Establecemento de fórmulas de colaboración entre os Centros Especiais de Emprego e entidades do sector da Pesca Industrial.
  • Crecemento das Empresas de Inserción en Galicia, xerando oportunidades no ámbito da Pesca Industrial.
  • Novas facilidades para o emprendemento cooperativo debido aos cambios na Lei de Cooperativas de Galicia.
  • Aumento das iniciativas de I+D+i postas en marcha nos últimos anos dende a Pesca Industrial en relación á sustentabilidade ambiental, económico e social, así como ás esixencias europeas: mellora da eficiencia enerxética, diminución das emisión de gases, mellora dos produtos que comercializa con innovacións a bordo e en terra, seguridade, prevención, detección de parasitos, aproveitamento dos descartes, melloras na detección de bancos pesqueiros, etc.
  • Potencialidade de emprendemento social no ámbito da Pesca Industrial a través: diversificación; da valorización dos produtos en toda a cadea; do aproveitamento de subprodutos; das melloras na comercialización conxunta e iniciativas que teñen que ver coas novas necesidades do consumidor; da implementación da Industria 4.0 que pode xerar espazos de emprendemento social e colaborción, así como da recollida e tratamento dos descartes e residuos como os plasticos e microplasticos.

5.2. Outras valoracións extraídas das técnicas de participación aplicadas

Tanto nas entrevistas en profundidade como a través das mesas de diagnose, foron recollidas outras valoracións de interese sobre diferentes aspectos relacionados coa Economía Social e a Pesca Industrial. Estas valoracións que se debullan a continuación engaden valor e sentido aos aspectos recollidos tanto na análise DAFO como nas propias Liñas de Actuación. A continuación preséntase un esquema das ideas de maior relevancia que serán tratadas neste apartado no que tamén son incluídos verbatins extraídos das aportacións realizadas polos participantes aos respecto das diferentes cuestións.

Presenza dos valores e principios da Economía Social nas empresas vinculadas á Pesca Industrial

Respecto ao reto de aplicación de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, entendese que "(...) a muller ten un papel moi importante na pesca de baixura e un papel menos visible na Pesca Industrial". Identifícanse dificultades para a integración da muller en grandes barcos de pesca extractiva: "(...) a integración da muller na parte extractiva é un gran cambio que precisa de tempo, e non de imposición".

Respecto ao esforzo pola xeración de emprego estable, recóllese a idea de estabilidade laboral nas tripulacións dos buques pesqueiros, na medida na que as persoas non teñan outras opcións de emprego. "O traballo extractivo é duro debido ás difíciles condicións de traballo, o que favorece que as tripulacións busquen outros nichos de emprego".

Respecto da inserción de persoas en risco de exclusión, identifícanse grandes dificultades para incorporar persoas nos traballos extractivos da Pesca Industrial.

A diversidade cultural identifícase como positiva para as tripulacións, aínda que "(...) existe un déficit de formación para a xestión dos recursos humanos na parte extractiva da cadea de produción". Existe xestión da diversidade dentro das propias tripulacións pero baseada máis na propia intuición e na experiencia xa que non existen plans formativos nestes aspectos. "(...) Carecen de ferramentas e formación para mellorar esa xestión".

Respecto á conciliación da vida laboral e persoal, identifícanse grandes dificultades para a conciliación, principalmente na parte extractiva da cadea.

Na valoración da xestión democráticas e participativas das empresas do eido da Pesca Industrial, apúntase á falta de convenio colectivo na parte extractiva da cadea "(...) o que fai que haxa grandes diferencias de reparto de beneficios entre capitáns e mariñeiros".

Existe unha falta de coñecemento por parte da poboación das accións que realizan as empresas dentro dos seus plans de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) no ámbito da Pesca Industrial: "(...) patrocinio de coros, equipos deportivos, arranxos de escolas, doazóns de peixe, etc." Así mesmo as empresas vinculadas á Pesca Industrial identifícanse como solidarias "(...) dentro das empresas soen existir axudas para os traballadores/as en forma de bolsas de estudo para os fillos e fillas(...)".

Novas iniciativas empresariais que poderían xurdir dentro da Pesca Industrial no ámbito da Economía Social.

Identifícase pouco contacto entre a Pesca Industrial e os Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción, por valorar o traballo que se desenvolve no eido da pesca como moi especializado e polo tanto con dificultades para a inserción laboral. Valórase positivamente a Pesca Industrial e a súa cadea de transformación como espazo que podería favorecer a inserción de persoas con discapacidade tras un estudo pormenorizado de tarefas a desenvolver.

O Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece no artigo número 42 a cota de reserva de postos de traballo para persoas con discapacidade. As empresas públicas e privadas que empreguen a un número de 50 ou máis traballadores estarán obrigadas a que de entre eles, polo menos, o 2% sexan traballadores/as con discapacidade. Esta denominada “cota de reserva” abre as portas a este tipo de empresas, no caso da Pesca Industrial entorno a 50 empresas, a poñer en marcha colaboracións cos Centros Especiais de Emprego.

Respecto á sustentabilidade ambiental, valóranse moi positivamente as novas iniciativas que xorden en relación aos diferentes problemas existentes: anisakis, a normativa Descartes Cero, melloras da eficiencia enerxética...

Apúntase como oportunidade de negocio a posible necesidade de relevo xeracional “(...) pode abrir posibilidades de cambio a fórmulas empresariais dentro da Economía Social. Esta liña de traballo vén recollida na Estratexia Española de Economía Social, e na futura Estratexia Galega”.

Semella de interese identificar “(...) empresas que poden ser “tractoras” doutras, facendo cadea de valor de provedores que formen parte da Economía Social”. Apúntase a ARVI como unha desas posibles “empresas tractoras”.

Identifícase como oportunidade de negocio aquelas que teñen que ver coas novas necesidades do consumidor así como as mellora na comercialización conxunta dos produtos e o remate de cadeas de produción.

“(...) O I+D+i aplicado ás necesidades da Pesca Industrial pode ser un espazo de emprendemento” (aproveitamento dos descartes e subprodutos).

“(...) A recollida de grandes plásticos e redes en caladoiros que molestan e provocan grandes perdas á flota”, identifícase como idea de negocio.

Visualización da Economía Social como propia de iniciativas máis pequenas e achegadas ao territorio

Entendese que “(...) as iniciativas pequenas e máis achegadas ao local, como son as de pesca de baixura e marisqueo, son máis fáciles de desenvolver en clave de Economía Social que as grandes iniciativas (...)”.

Por outra banda, os barcos de baixura soen utilizar a figura de “Comunidade de Bens” máis que cooperativa, pola súa facilidade, “(...) sen pensar nos beneficios fiscais e de axudas que podería obter”. Na pesca artesanal identifícase tamén un “(...) descoñecemento da Economía Social e da figura de cooperativa en concreto”.

6. Eixos e liñas de actuación

A continuación detállanse os principais Eixos, Liñas de Actuación e Medidas que integran o presente estudo enmarcado na Estratexia para a Promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial.

FUNDAMAR, como entidade promotora do presente proxecto e da Estratexia para a Promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial, promoverá a posta en marcha das accións que se describen a continuación.

 

Eixo 1: Promoción dos principios e valores da Economía Social.

 

Este eixo baséase na difusión dos valores da Economía Social comezando dende o cerne das propias entidades sociais incluídas no ámbito da Pesca Industrial, e trasladando estes valores e principios á cidadanía. Deste xeito, estas accións deben centrarse na xeración de sinerxias e procura de apoios que permitan cumprir os seus obxectivos.

 

EIXO 1: PROMOCIÓN DOS PRINCIPIOS E VALORES DA ECONOMÍA SOCIAL

Obxectivos:

  • Promocionar e poñer en valor os principios e valores da Economía Social.
  • Fortalecer ás organizacións de Economía Social no ámbito da pesca, a través dos seus valores e principios.
  • Dar a coñecer as boas prácticas de Responsabilidade Social Corporativa da Pesca Industrial.
  • Favorecer a creación de redes no ámbito da Economía Social nas que se integren as iniciativas da Pesca Industrial.

Liña de Actuación 1.1. Promoción do coñecemento dos principios e valores da Economía Social dentro das propias entidades pertencentes á Economía Social do sector do mar.

  • Medida 1.1.1. Realización dun estudo dentro das entidades de Economía Social vinculadas á Pesca Industrial. A finalidade deste estudo é achegar os principios e valores da Economía Social aos integrantes destas entidades, así como valorar o seu coñecemento.
  • Medida 1.1.2. Identificación dos aliados no ámbito da Economía Social que poden axudar a fomentar a ese modelo na Pesca Industrial.

Liña de Actuación 1.2. Xeración de sinerxías co Foro Galego da Economía Social que favorezan dar a coñecer a Economía Social na Pesca Industrial.

Liña de Actuación 1.3. Identificación dos actores relevantes que poidan recomendar a Economía Social no ámbito da Pesca Industrial á hora de emprender novos proxectos.

Liña de Actuación 1.4. Aproximación á cidadanía dos valores da Economía Social na Pesca Industrial.

  • Medida 1.4.1. Creación dun Observatorio de Boas Prácticas que promova os valores e principios da Economía Social no sector a través de casos de éxito.
  • Medida 1.4.2. Dar a coñecer o traballo Responsabilidade Social Corporativa feito dende o eido da Pesca Industrial.
 

 

Eixo 2: Promoción do emprego e do emprendemento social.

 

Este eixo ten como finalidade facilitar o emprendemento social no ámbito da Pesca Industrial, utilizando tanto ferramentas existentes como as de nova creación nacidas para esta finalidade.

 

EIXO 2: PROMOCIÓN DO EMPREGO E EMPRENDEMENTO SOCIAL

Obxectivos:

  • Promover o emprendemento social no eido da Pesca Industrial.
  • Favorecer a contratación de iniciativas sociais no ámbito da Pesca Industrial.
  • Promover espazos de emprendemento no ámbito da Pesca Industrial que asesoren en clave de Economía Social.

Liña de Actuación 2.1. Identificación de novas oportunidades de emprendemento ao longo de toda a cadea da Pesca Industrial, ou consolidación das experiencias xa existentes.

Liña de Actuación 2.2. Identificación de oportunidades de cambio de entidades xa existentes a entidades de Economía Social, por un cambio de estratexia económica e social.

Liña de Actuación 2.3. Creación dun programa de acompañamento similar ás denominadas “incubadoras”, que favoreza o coñecemento da Economía Social no sector e recomende estas fórmulas de negocio.

Liña de Actuación 2.4. Promoción da colaboración entre empresas armadoras coa posibilidade de estudar posibles iniciativas de Economía Social.

Liña de Actuación 2.5. Establecemento de convenios de colaboración para o fomento do emprego e economía local no ámbito da Pesca Industrial, como base de fomento da Economía Social.

Liña de Actuación 2.6. Promoción da contratación no eido da Economía Social. Busca de fórmulas que permitan favorecer a Economía Social nas contratacións públicas no eido da Pesca Industrial.

Liña de Actuación 2.7. Promoción da Innovación Aberta.

  • Medida 2.7.1. Posta en marcha de espazos de encontro e actividades relacionadas coa innovación aberta (Open Innovation), como forma de Economía Colaborativa ou de cooperación.
  • Medida 2.7.2. Promoción da busca de solucións á innovación no ámbito da Economía Social.
 

 

Eixo 3: Promoción da integración de colectivos con dificultades de inserción no ámbito da Pesca Industrial.

 

Este eixo ten como finalidade sensibilizar ao tecido empresarial do ámbito da Pesca Industrial sobre as necesidades de inserción de colectivos, así como iniciar procesos de colaboración destas entidades con Centros Especiais de Emprego.

 

EIXO 3: PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN DE COLECTIVOS CON DIFICULTADES DE INSERCIÓN NO ÁMBITO DA PESCA INDUSTRIAL

Obxectivos:

  • Sensibilizar ao tecido empresarial da Pesca Industrial sobre a inserción laboral.
  • Xerar espazos de encontro entre empresa privada e Centros Especiais de Emprego, que favorezan procesos de inserción laboral no ámbito da Pesca Industrial.
  • Dar a coñecer as boas prácticas que se están a facer e que se realizarán neste ámbito no entorno da Pesca Industrial.

Liña de Actuación 3.1. Creación de espazos de encontro entre entidades de Economía Social, que traballen con este tipo de colectivos, e empresas do sector para a promoción de sinerxías.

Liña de Actuación 3.2. Promoción da fórmula de colaboración nas empresas que traballan no ámbito da Pesca Industrial a través de Centros Especiais de Emprego ou mediante a creación de Enclaves Laborais.

Liña de Actuación 3.3. Identificación das empresas do ámbito da Pesca Industrial que teñan que xestionar a súa “cota de reserva3” (empresas de máis de 50 persoas que teñen obriga de contratar como mínimo o 2% de persoas con discapacidade), coa finalidade de fomentar a colaboración con Centros Especiais de Emprego.

Liña de Actuación 3.4. Elaboración dunha diagnose en profundidade sobre as posibilidades de integración das persoas con dificultades de inserción no eido da Pesca Industrial.

  • Medida 3.4.1. Análise de cada unha das tarefas que se realizan na cadea de produción dentro da Pesca Industrial, e identificación de cales poderían ser realizadas por persoas con discapacidade.
  • Medida 3.4.2. Elaboración dun mapa de recursos para a mellora da inserción laboral dos colectivos con dificultades.
 

 

Eixo 4: Promoción do coñecemento da Pesca Industrial á cidadanía.

 

Este eixo ten como finalidade o achegamento da cidadanía á Pesca Industrial, a través do seu patrimonio material e inmaterial, así como promocionando o consumo de peixe entre os nenos e as nenas a través programas enfocados ao ámbito escolar.

 

EIXO 4: PROMOCIÓN DO COÑECEMENTO DA CIDADANÍA Á PESCA INDUSTRIAL

Obxectivos:

  • Achegar a historia, patrimonio material e inmaterial da Pesca Industrial á cidadanía en xeral.
  • Promover o consumo de peixe entre a poboación infantil e as familias.
  • Promocionar a educación nutricional en colaboración coas escolas.

Liña de Actuación 4.1. Promoción do achegamento da cidadanía ao patrimonio material e inmaterial da pesca.

Liña de Actuación 4.2. Promoción do consumo de peixe e educación nutricional entre os nenos e nenas no ámbito escolar.

  • Medida 4.2.1. Promover a incorporación da educación nutricional como materia nos planos de estudo do ensino obrigatorio en colaboración activa con outras iniciativas como por exemplo EDUKSANO promovido por ARVI.
  • Medida 4.2.2. Posta en marcha da “Semana do Peixe” nas escolas, igual que xa existe a “Semana da Froita”. Durante esa semana os nenos e nenas poderán coñecer a diversidade dos nosos mares, como se capturan, como se preparan, etc.

7. Anexos

7.1. Entrevistas en profundidade a axentes clave. Guión da entrevista.

Data entrevista:
Nome:
Cargo:
Departamento:
Entidade:
Lugar de entrevista:
Tipo entrevista:
Perfil:
 

PRESENTACIÓN

Bo día/boas tardes. En primeiro lugar quixera agradecerlle a súa colaboración.

FUNDAMAR, coa asistencia técnica de IDEARA, ten en marcha un estudo para profundar no coñecemento da economía social e as posibilidades de desenvolvemento de iniciativas deste tipo dentro do sector da pesca industrial que está experimentando grandes cambios nos últimos.

A duración da entrevista será duns 30-45 minutos. A información facilitada na entrevista, así como os seus datos, serán tratados de forma anónima e confidencial, seguindo o “Regulamento Xeral de Protección de Datos” (RXPD), entrado en vigor o pasado 25 de maio de 2018.

INFORMACIÓN SOBRE A ENTIDADE

Para comezar antes de entrar do fenómeno da economía social e do sector da pesca industrial fáleme brevemente da súa entidade, o cargo que representa na mesma e a relación da súa entidade co sector da pesca.

CONTIDO DA ENTREVISTA

Aparte das mencionadas, ocórreselle outras modalidades de Economía Social que teñan presenza ou poderían tela no sector?

  1. Cal é a relación da entidade que representa co sector da Pesca Industrial e coa Economía Social?
  2. Como valoraría a situación actual do sector pesqueiro? E centralmente, como valoraría a situación da Pesca Industrial a nivel mundial, europeo e galego?/ Como valoraría a presencia da Economía Social no sector pesqueiro, e centralmente da Pesca Industrial?
  3. Medidas dentro das empresas: Respecto aos principios da Economía Social, en que medida se están aplicar ou podería aplicarse os seguintes? A que retos se enfrontan e como debería desenvolverse os seguintes principios no sector? Que exemplos, problemas de aplicación e posibles medidas serían de interese no sector da pesca nos seguintes campos de actuación?
    • Apoio ao desenvolvemento local.
    • Aplicación de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
    • Esforzo pola xeración de emprego estable.
    • Inserción de persoas en risco de exclusión.
    • Conciliación da vida persoal e persoal
    • Sostibilidade ambiental.
    • Primacía das persoas e do fin social sobre o capital.
    • Xestión transparente das empresas.
    • Xestión democráticas e participativa.
    • Promoción da solidariedade interna na empresa.
  4. A entidade de Economía Social tenta compaxinar o interese económico co progreso social mediante a aplicación de medidas de carácter responsable. Imos repasar algunhas das súas modalidades para que comente, a súa presenza no sector, o seu futuro, as problemáticas e afrontes e as posibilidades que se albiscan:
    • A cooperativa: organización empresarial baseada na estrutura e funcionamento democráticos coa participación da maioría dos traballadores.
    • As sociedades Laborais: neste tipo de empresas, o capital social pertence maioritariamente aos traballadores.
    • Las mutualidades: sociedades de persoas, sen ánimo de lucro, de estrutura e xestión democrática, que exercen unha actividade aseguradora de carácter voluntario.
    • Centros Especiais de Emprego: empresas que compatibilizan a viabilidade económica e a súa participación no mercado co seu compromiso social cara colectivos con menores oportunidades no mercado de traballo.
    • As empresas de inserción: estruturas de aprendizaxe, en forma mercantil, coa finalidade de posibilitar acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos.
    • Las Confrarías de Pescadores.
    • Asociacións relacionadas co movemento da discapacidade e de la inserción de persoas en exclusión.
    • As fundacións: organizacións constituídas sen fin de lucro cun fin de interese xeral.
  5. Que aspectos positivos ou potencialidades destacaría na Pesca Industrial en Galicia?
  6. Que aspectos negativos ou debilidades destacaría na Pesca Industrial en Galicia?
  7. Pensa que o sector da Pesca Industrial podería xerar actualmente novas iniciativas empresariais? Que tipo de iniciativas poderían ter cabida?
  8. Coñece algunha iniciativa de Economía Social no ámbito da Pesca Industrial? Como a valoraría?
  9. Pensa que a Economía Social non ten visibilidade no sector pesqueiro, e concretamente na Pesca Industrial? Por que?
  10. Pensa que a Economía Social está máis vinculada á pesca artesanal (pequenos barcos, marisqueo, acuicultura…)? Por que?
  11. Que papel podería xogar a Economía Social no desenvolvemento da Pesca Industrial (transformación, comercialización, regulación de mercados, mellora no acceso a servizos…)?
  12. Que actuacións serían necesarias para fomentar a Economía Social no ámbito da Pesca Industrial? Que entidades serían as que xogarían un papel máis importante nesta tarefa?

7.2. Mesas de traballo. Mesas de diagnose. Dinámica participativa

A xuntanza para a recollida dunha diagnose participada terá unha duración máxima de 2 horas.

A metodoloxía que se empregará favorecerá a participación das persoas convidadas, coa finalidade de poder recoller unha visión ampla da realidade da Pesca Industrial sen esquecer cal é o estado de desenvolvemento das iniciativas de Economía Social neste ámbito.

A sesión será dividida estres partes ben diferenciadas:

  1. Presentación da iniciativa de FUNDAMAR. (15-20 min)
  2. Traballo de diagnose en pequenos grupos de traballo. (40 min)
  3. Posta en común do traballo realizado nos pequenos grupos e recollida da diagnose final. (1 hora)

PRESENTACIÓN DA INICIATIVA

A persoa que representará na xuntanza participativa a FUNDAMAR, realizará unha breve presentación do proxecto “ESTRATEXIA PARA A PROMOCIÓN DA ECONOMÍA SOCIAL NO SECTOR DA PESCA INDUSTRIAL”. A idea é dar a coñecer o proxecto e os seus obxectivos.

TRABALLO DE DIAGNOSE EN PEQUENOS GRUPOS DE TRABALLO

Coa finalidade de poder xerar debate sobre a temática a tratar, elaboraremos pequenos grupos de traballo (2 ou 3 persoas), e pedirémoslle que identifiquen 4 puntos fortes ou potencialidades e 4 puntos débiles ou necesidades da Pesca Industrial.

Os pequenos grupos deberán ser o máis variados posibles, coa finalidade de enriquecer a visión sobre a temática e favorecer o debate.

Para facilitar o debate e traballo nos pequenos grupos, serán entregados uns guións onde se recollen aqueles aspectos importantes identificados a través da realización das entrevistas en profundidade. Os e as participantes poderán valorar aquelas cuestións identificadas nas entrevistas en profundidade, así como engadir novas cuestións a debate.

Cada grupo escribirá as súas ideas nas tarxetas facilitadas para esta fin que serán ordenadas a través dun panel.

POSTA EN COMÚN DO TRABALLO

Unha vez rematado o traballo en grupo será realizada unha posta en común das ideas recollidas nos pequenos grupos, permitindo un espazo para o debate de cada idea pola totalidade dos/das participantes. As ideas serán ordenadas nun gran panel, onde tamén serán recollidas as ideas xurdidas no debate.

Este panel será o resultado visible do traballo realizado na mesa e terá como obxectivo realizar unha radiografía do estado do sector e as súas necesidades.

As necesidades e puntos débiles detectados nesta mesa de traballo servirán de base á seguinte mesa, na que se traballará en clave de proposta, tratando de identificar estratexias que promocionen a Economía Social e o emprendemento no ámbito da Pesca Industrial.

7.3. Mesas de traballo. Mesa de liñas de acción. Dinámica participativa

A xuntanza para a recollida participada das principais liñas de acción terá unha duración máxima de 2 horas.

A metodoloxía que se empregará favorecerá a participación das persoas convidadas, coa finalidade de poder recoller unha visión ampla da realidade da Pesca Industrial sen esquecer cal é o estado de desenvolvemento das iniciativas de Economía Social neste ámbito.

A sesión será dividida estres partes ben diferenciadas:

  1. Presentación da iniciativa da Estratexia. (10 min)
  2. Presentación a través de PowerPoint das principais dificultades ou necesidades identificadas para a promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial. (15 min)
  3. Presentación dos asistentes á xuntanza. (15 min)
  4. Elaboración de liñas de actuación para a promoción da Economía Social na Pesca Industrial. Este traballo será realizado en pequenos grupos de traballo se o grupo é numeroso. No caso de ser un grupo pequeno será realizada unha chuvia de ideas para a recollida das propostas. (20 min)
  5. Posta en común do traballo realizado nos pequenos grupos e recollida final das propostas. (1 hora)

PRESENTACIÓN DA INICIATIVA

A persoa que representará na xuntanza participativa a FUNDAMAR, realizará unha breve presentación do proxecto “ESTRATEXIA PARA A PROMOCIÓN DA ECONOMÍA SOCIAL NO SECTOR DA PESCA INDUSTRIAL”. A idea é dar a coñecer o proxecto, os seus obxectivos, así como o traballo a desenvolver o vindeiro ano.

PRESENTACIÓN DAS PRINCIPAIS DIFICULTADES E NECESIDADES

A persoa que dinamizará a sesión realizará unha breve exposición, a través dunha presentación en PowerPoint, daquelas dificultades e necesidades para a promoción da Economía Social no eido da Pesca Industrial. Estas dificultades e necesidades que se presentarán, son as que foron identificadas a través as ferramentas de participación (entrevistas en profundidade e mesas de traballo) do proxecto.

ELABORACIÓN DE LIÑAS DE ACTUACIÓN DE XEITO PARTICIPADO

Coa finalidade de poder xerar debate sobre a temática a tratar, elaboraremos pequenos grupos de traballo (2 ou 3 persoas), e pedirémoslle que propoñan, como mínimo 4 liñas de actuación, que poderán servir de punto de partida para a futura Estratexia.

No caso de que o número de persoas sexa pequeno, será realizada unha chuvia de ideas coa totalidade do grupo, coa finalidade de que sexa máis operativo e enriquecedor.

POSTA EN COMÚN DO TRABALLO

Unha ver rematado o traballo en grupo será realizada unha posta en común das ideas recollidas, permitindo un espazo para o debate de cada idea pola totalidade dos/das participantes. As ideas serán ordenadas nun gran panel, onde tamén serán recollidas as ideas xurdidas durante o debate.

Deste gran panel derivará unha batería de liñas de actuación, que máis tarde servirá de base para a elaboración da Estratexia de Promoción da Economía Social na Pesca Industrial.

8. Bibliografía

A continuación pasamos a describir as fontes documentais consultadas para a elaboración da primeira parte do proxecto:

Marco normativo

  • Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social de Galicia.
  • Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social.
  • Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social.
  • Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
  • Estrategia Española de Economía Social 2017-2020.

Informes e estudos:

  • Guía de Contratación Publica Responsable y Economía Social, CEPES (2018).
  • Código de Boas Prácticas das Cooperativas Galegas, Cecoop e Xunta de Galicia (2018).
  • Evolución reciente de la Economía Social en la UE. CESE (Comité Económico y Social Europeo) (2018).
  • Revista “Cooperativismo e Economía Social” Universidade de Vigo. (1990-2017).
  • Flota Industrial vs. Flota Artesanal. Mitos y Realidades, CACT-ARVI (2017).
  • Las Empresas más relevantes de la Economía Social 2016-2017, CEPES.
  • La Economía Social Española, CEPES (2017).
  • Manual de RSE nas Entidades de Economía Social. Xunta de Galicia (2016).
  • Fomento da presencia da Economía Social no emprendemento de base tecnolóxica, CEPES (2016).
  • Sostenibilidad Flota a Flota. Arrastre de Altura. CEPESCA.
  • Estatísticas en materia de Economía Social 2016, Xunta de Galicia.
  • Libro Blanco “La Economía Social…retoma la Iniciativa”, Social Economy Europe (2015).
  • Cooperativas de Galicia. Informe de síntese 2010. Xunta de Galicia (2013).
  • Guía para la transformación de empresas mercantiles en cooperativas de trabajo, COCETA (2012).
  • Estudo “Cooperativismo no mar”, Consellería do Mar (2005).

Entidades e proxectos:

Índice