ESTUDO INTEGRAL CON ENFOQUE DE XÉNERO II

 In SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

RECOMENDACIÓNS E ACTUACIÓNS PARA A INTEGRACIÓN DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NOS BUQUES PESQUEIROS DE GALICIA

A primeira parte do estudo, desenvolvido en 2020, a través da convocatoria de fomento da PRL, estivo enfocada en analizar os riscos laborais nos buques de pesca tendo en conta os efectos sobre a seguridade e saúde das mulleres traballadoras e detectar as necesidades preventivas nesta materia. Para este ano 2021, proponse desenvolver, co apoio da Xunta de Galicia, a segunda parte do estudo, como continuidade á investigación realizada na convocatoria anterior de 2020 sobre os riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros galegos desde o enfoque de xénero.

No estudo anterior constatouse que a perspectiva de xénero non se aplica na xestión dos riscos laborais nos buques de pesca galegos, sendo a insuficiente cultura con enfoque de xénero no sector a principal limitación para conseguir a súa integración.

Ademais, presentábanse na investigación as distintas razóns que facían necesaria a inclusión deste enfoque na xestión dos riscos laborais, como por exemplo, as diferenzas biolóxicas e fisiolóxicas de homes e mulleres que condicionan a necesidade de aplicación de medidas de prevención de riscos diferentes por sexo. Teñen unha fisionomía distinta (medidas do corpo, masa ósea e muscular, forza, grosor da pel e graxa corporal, influencias hormonais, etc.) e existen riscos laborais que lles afectan de xeito desigual. Por suposto, tamén está a situación de embarazo e lactación na que pode atoparse unha muller e que condiciona o seu embarque a un buque de pesca polos perigos que entraña.

Doutra banda, o sector da pesca extractiva está altamente masculinizado, de maneira que existe unha gran segregación horizontal e vertical que fai necesaria a revisión das necesidades preventivas. Tamén existen moitos prexuízos e estereotipos de xénero que condicionan o acceso da muller a esta actividade e a súa permanencia, así como outras desigualdades, como as condicións laborais precarias, as limitacións á maternidade e conciliación, o illamento de xénero no buque; as situacións de sexismo, intimidación e acoso, ou mesmo a adaptabilidade dos buques ao xénero feminino, que xeran diferenciación nos riscos aos que se enfrontan ás mulleres tripulantes.

Todos estes factores, así como outras necesidades e carencias detectadas no estudo anterior, son o punto de partida para a presente proposta, coa que se quere indagar e presentar unha serie de medidas e recomendacións preventivas que sexan efectivas no entorno laboral, co fin de promover a eliminación dos factores de desigualdade que fan máis vulnerable ao colectivo feminino e avanzar cara a avaliacións de riscos cada vez máis individualizadas e adaptadas ao posto de traballo e a persoa que o ocupa e á integración do enfoque de xénero nos buques pesqueiros de Galicia.

 

Recent Posts