FUNDAMAR e FUNPROMAR CELEBRAN AS VII XORNADAS DIVULGATIVAS DO PAPEL DA MULLER NO SECTOR PESQUEIRO E CONSERVEIRO. REFERENTES DO PRESENTE E DO PASADO.

 In BENESTAR SOCIAL E XÉNERO

O consorcio formado pola Fundación para la Pesca y Marisqueo —FUNDAMAR e a Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar —FUNPROMAR realizan un ano máis as Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro, no marco de colaboración da marca SEREAS, creada no 2017 por ambas entidades, como proxecto divulgativo ao servizo da visibilización do papel da muller dentro do sector extractivo e transformador de produtos do mar.

Neste 2021, o obxectivo das xornadas, que celebran a súa VII edición, será presentar, o vídeo documental “Pegadas esvaecidas”, en relación ás referentes do pasado, e dúas novas fichas de protagonistas que pasarán a formar parte do repositorio do portal www.sereasdomar.org: “As redeiras da Guarda” e “Continuidade en feminino”, con Sara Muñiz, xerente de Conservas La Vieira, como referentes do presente.

O acto, que terá lugar o martes 26 de outubro de 2021, a partir das 17:00, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, no que se poderá participar de maneira presencial ou online, previa inscrición, contará coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a concelleira de Igualdade do Concello de Vigo, Uxía Blanco, o presidente de FUNDAMAR Javier Touza, o secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA Juan Vieites, a xerente de FUNDAMAR María Caldeiro e Mariña López do Museo ANFACO da industria conserveira.

Por temas de aforo, requírese inscrición previa a través da seguinte LIGAZÓN

Recent Posts