FUNDAMAR PUBLICA O PRIMEIRO ESTUDO DE DETECCIÓN DE NECESIDADES PREVENTIVAS NOS BUQUES PESQUEIROS DESDE UN ENFOQUE DE XÉNERO

 In BENESTAR SOCIAL E XÉNERO, SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

A incorporación das mulleres aos buques pesqueiros, ben como tripulación ou persoal alleo á tripulación é unha realidade e débese ter en conta á hora de previr riscos e accidentes laborais-

Polo xeral, os estudos realizados para analizar os riscos laborais aos que están expostas as persoas traballadoras do sector pesqueiro baséanse en investigar o seu impacto sobre os homes e non existe unha política preventiva específica desagregada por ambos sexos. As únicas medidas preventivas existentes refírense á capacidade reprodutiva ou ao propio estado biolóxico do embarazo, a pesar de que a través da Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2014-2020, e a Estratexia Galega 2017-2020, recóllese a importancia de promover un enfoque de xénero, acorde á crecente incorporación da muller á vida laboral.

No caso do sector pesqueiro, os traballos sobre riscos laborais nos buques de pesca van orientados sempre, ou principalmente, ao xénero masculino, predominante nestes centros de traballo. Con todo, a incorporación das mulleres aos buques de pesca, ben como tripulación ou persoal alleo á tripulación, é unha realidade e hai que tela en conta á hora de previr os riscos e accidentes laborais, xa que existen riscos que afectan de maneira desigual a homes e mulleres, debido ás propias diferencias bioquímicas, fisiolóxicas e anatómicas, que ata o de agora non se valoraban.

Por esa razón,  FUNDAMAR pon en  macha, co apoio da Xunta de Galicia, o primeiro “Estudo integral con enfoque de xénero, na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros”, tendo en conta a análise de todos os riscos, tanto ergonómicos, como psicosociais, físicos e hixiénicos, que axude á incorporación da perspectiva de xénero na xestión da prevención a bordo.

Durante 2020 se identificaron, analizaron e detectaron os riscos laborais nos buques de pesca, así como as necesidades preventivas, tendo en conta os efectos sobre a seguridade e saúde das mulleres, dando como resultado o primeiro estudo de detección de necesidades preventivas con enfoque de xénero nos buques pesqueiros.

Tras esta primeira análise, e xa nunha segunda fase, a partir das necesidades detectadas, determinaranse unha serie de medidas e recomendacións preventivas que sexan efectivas na contorna laboral, coa finalidade de eliminar factores de desigualdade que fan máis vulnerable ao colectivo feminino e que permitan avanzar cara a avaliacións de riscos cada vez máis individualizadas e adaptadas ao posto de traballo e á persoa que o desempeña.

Recent Posts