Economía Social

CONTEXTO

A Unión Europea, a través do Artigo 3 do seu Regulamento (UE) nº 508/2014, define os límites entre a pesca artesanal e industrial, principalmente a través da eslora dos barcos e en relación ao uso de determinadas artes de pesca. Polo tanto, toda a pesca levada a cabo por barcos de eslora maior de 12 metros ou con artes non contempladas como artesanais pola UE, entrarían dentro da denominación de Pesca Industrial[1].

No caso de España, existe unha grande variedade de flotas, con diferentes artes de pesca e tipoloxías de barcos. Moitas destas flotas son consideradas industriais, aínda que o seu labor a bordo é maioritariamente manual e a venda das súas capturas é en fresco nas lonxas.

Cando se pensa en Pesca Industrial, xeralmente pensamos en grandes barcos. En Galicia, a Pesca Industrial ou semi-industrial está protagonizada por empresas na súa maioría familiares, que destinan case totalidade das capturas ao consumo humano, polo que moitos dos problemas da pesca artesanal son tamén comúns ao resto da flota galega denominada como Pesca Industrial.

O presente estudo abrangue a actividade económica de barcos cunha eslora maior a 12 metros, así como a cadea de transformación da súa materia prima unha vez chegada a terra, non incluíndo a súa comercialización.

A Economía Social: definición e principios

A configuración actual da Economía Social en España vén determinada pola aprobación da Lei 5/2011, do 29 de marzo, da Economía Social, que supón un gran cambio para a visibilidade e desenvolvemento do sector.

En Galicia é a Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social de Galicia, a que marcao inicio dunha nova etapa na que a administración galega fai unha aposta por este modelo. A propia Lei define a Economía Social do seguinte xeito: “A Economía Social engloba un conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo entidades que perseguen, ben o interese colectivo das persoas que o integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos os dous, mostrándose día a día como un actor fundamental no desenvolvemento da sociedade actual”.

Os principios orientadores da Economía Social son os que recolle a Lei 6/2016, e que pasamos describir:

“As entidades de Economía Social, inspiradas polos valores de axuda mutua, responsabilidade, democracia, igualdade, equidade, solidariedade, honestidade,

transparencia, autonomía, autoxestión, responsabilidade social e preocupación polas demais persoas, están informadas polos seguintes principios orientadores:

  1. A primacía das persoas e do fin social sobre o capital, que se concreta nunha xestión autónoma e transparente, democrática e participativa, que leva a priorizar a toma de decisións máis en función das persoas e as súas achegas de traballo e servizos prestados á entidade, ou en función do fin social, ca en relación coas súas achegas ao capital social.
  1. A aplicación dos resultados obtidos da actividade económica, principalmente en función do traballo achegado e do servizo ou da actividade realizados polas socias e os socios ou polas persoas integrantes, se for o caso, ao fin social obxecto da entidade, ao servizo da consecución de obxectivos como o desenvolvemento sustentable, o interese dos servizos aos membros e o interese xeral.
  2. A promoción da solidariedade interna e coa sociedade que favoreza o compromiso co desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, a cooperación, a inserción de persoas con discapacidade e de persoas en risco ou en situación de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a concilia­ción da vida persoal, familiar e laboral e mais a sustentabilidade.
  3. A independencia respecto dos poderes públicos.
  4. O compromiso co territorio, fronte ao despoboamento e o envellecemento no medio rural galego, inxectando estabilidade e futuro.
  5. O fortalecemento da democracia institucional e económica.

As entidades de Economía Social, son as que recolle a Lei 6/2016 da Economía Social de Galicia:

  1. Sociedades Cooperativas Galegas.
  2. Mutualidades.
  3. Fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica.
  4. Sociedades Laborais.
  5. Empresas de Inserción.
  6. Centros Especiais de Emprego.
  7. Confrarías de Pescadores.
  8. Sociedades Agrarias de Transformación.
  9. Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común.
  10. Entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos valores e principios orientadores establecidos nesta lei, sempre e cando desenvolvan unha activida­de económica e empresarial. </br></br>

Estrategia para la Promoción de la Economía Social en el marco de la Pesca Industrial

[1] Flota Industrial vs Flota Artesanal. Mitos y Realidades. CACT-ARVI 2017